Foro galego de testemuña cívica


UN ERRO DE CÁLCULO

09-08-2014 20:30

Cando escribo este artigo non está na miña intención aportar argumentos a prol ou en contra da consulta de autodeterminación plantexada en Catalunya. Creo que é lexítimo consultar aos cidadáns e, da mesma maneira, creo que o mellor é que a consulta e as preguntas da mesma fosen pactadas entre todas as partes implicadas.

Sen embargo, a realidade é que xa podemos dicir que neste proceso hai gañadores e perdedores: gañador, o goberno central; perdedor, o nacionalismo catalán posibilista encarnado por Convergència I Unió (CIU). O “president” Mas xa recoñece en público que quizais a consulta non se celebrará o 9 de novembro e diversas voces do seu gabinete declaran que tal consulta non se celebrará fóra da actual legalidade (a do Estado Español).

O gran erro dos líderes do catalanismo foi de cálculo: menosprezar o adversario. Nunca tomaron o goberno de Madrid en serio, nunca creron de verdade que o Estado Español era quen de utilizar todos os medios posibles para afrontar o desafío que se lle plantexaba; só un inxenuo ou un inconsciente podía pensar que o Estado Español non ía empregar métodos suxos para manter a súa integridade territorial. O chamado “caso Pujol” estivo durmindo o soño dos xustos nun caixón até que Pujol se fixo independentista; Pujol non entendeu (ou non quixo entender) que a súa inmunidade estaba condicionada a ser útil para o Estado na súa faceta de dique de contención do independentismo, porque cando deixou de cumprir esa función empezaron as filtracións aos medios de comunicación por parte de policías.

Non teño nada contra o dereito de autodeterminación; de feito, gustaríame que Galicia o puidera exercer algún día, pero o que si que pediría á clase política do noso país (e nomeadamente, ao nacionalismo) é que aprenda a lección. Para afrontar un desafío como o que supón rachar co Estado Español convén que os líderes da operación teñan unha reputación inmaculada ademais de astucia, porque eles sempre disporán de recursos inexistentes para un territorio sen Estado propio.

Francisco Acisclo

—————

Voltar