Foro galego de testemuña cívica
Podemos ignorar o conflito lingüístico?
16-11-2014 17:15MIGUEL RODRÍGUEZ CARNOTA
Espertou o meu interese ler hai uns días un polémico intercambio de mensaxes na páxina de facebook do Círculo Podemos de A Mariña. En resposta a unha serie de airadas pero ben argumentadas críticas externas sobre a utilización en exclusiva do español por parte dos administradores desa esa páxina, o responsábel local de Podemos reduce a existencia do conflito lingüístico para “quien no tenga libertad de escoger o utilizar la opción que desee” e interpreta que as opinións en defensa do galego proveñen de quen pensa “que su verdad es la auténtica verdad y se la quiera imponer los demás de forma totalitaria”. Como imaxinarán, non é pola súa orixinalidade polo que traio estes comentarios a reflexión senón pola súa procedencia e, quizá, pola súa representatividade: unha vez consultadas outras fontes da mesma organización política, cabe deducir que sobre estas coñecidas bases se estarían forxando boa parte dos alicerces ideolóxicos de Podemos en Galiza.
Vaia a miña primeira observación en ton tranquilizador: ninguén pretende impoñer a Podemos a lingua na que ha facer a súa actividade política. Cada organización é perfectamente libre de expresarse no idioma que lle viñer en gaña, como non. Mais a súa liberdade de escolla vai parella á liberdade do resto do mortais para opinar sobre o asunto, e iso é o que farei. Certamente considero que chegar a asumir a relación entre o conflito lingüístico e o conflito social non é doado nesta terra, onde os argumentos da supremacía do español e da harmonía lingüística son tan falsos como aceptados de facto polo común da cidadanía, despois de ser asañadamente traballada polas canles ideolóxicas habituais. Ninguén nace aprendido en ningures, mais diríase que na Galiza -perdoen a esaxeración- nacemos desaprendidos e alcanzar certas conclusións, á parte de moita apertura mental, leva o seu tempo.
Porén, para unha organización política ignorar o problema lingüístico galego é ignorar a esencia da sociedade na que se pretende actuar. Para o negacionismo presente na nova organización política nunca tería existido un conflito lingüístico en Galiza. Aquí nunca se terían repartido labazadas por falar galego nas escolas, nin se tería humillado a xeracións enteiras de galegas por razón da lingua, nin se tería perseguido o uso do galego no cinema, nos tribunais, nos seminarios ou alí onde puidese ter adquirido unha mínima relevancia. Nunca o problema tería sido historicamente denunciado polas mentes máis libres do País, nin seriamos as persoas galegas de hoxe o produto desta secular teima por acabaren connosco.
Quen ignora o conflito debe entender que aquí se poden facer cousas tan normais na maior parte do planeta como aprender matemáticas, facer a declaración da renda, asinar unha denuncia diante da policía, ler a prensa diaria, recibir educación infantil ou zapear na tele para poder recibir informacións contrastadas no idioma do país. Aquí non se cambia de lingua cos nenos como se fosen todos de Valladolid ou como se quixésemos que fosen. Aquí todas aquelas persoas adolescentes do século vinte e un que nun acto de valentía infinita deciden retar os marcos conceptuais establecidos e mudar de lingua para andar polo instituto, xogar ao fútbol ou ligar en galego son entendidas e animadas polos seus compañeiros no seu afán e non hai un profesor bilingüísta que as vacile e/ou as intente ridiculizar diante dos amigos. Non. Aquí non pasa todo iso porque aquí, en ausencia de conflito, cadaquén é libre de elixir a lingua que queira e pode facer en galego todo o que pode facer en español.
Recoñece o representante de Podemos a existencia de persoas que no seo da organización utilizan o galego "aunque ellos sean tolerantes y no vean el problema". Quen di querer cambiar o sistema político identifica tolerancia co feito de non ver o problema lingüístico, unha das veas abertas polas que Galiza se desangra. Premio en tolerancia, pois, para quen ignore que unha cultura milenaria está a ser implacábel e velozmente substituída pola do país veciño. Premio a quen ignore que na nosa sociedade a día de hoxe se está a desenvolver un dos conflitos lingüísticos máis dolorosos e máis letais de Europa.
Moi ben terá que argumentar quen defenda que o conflito armado vasco ten unha orixe política e o conflito lingüístico galego non. Unha organización que se reclama transformadora non pode asumir alegremente os binomios que identifican o uso do castelán como sinal de liberdade e a defensa do galego como intento de imposición, nin pode virar as costas á realidade evidente do conflito sen situarse no terreo da miopía máis torpe ou, sen máis ambaxes, no da archicoñecida hipocrisía supremacista. No discurso de Podemos en Galiza estanse a coar elementos argumentais máis propios do neoliberalismo ou da extrema dereita que dunha organización que se reclame de esquerdas. Parécense ignorar as perigosas relacións entre lingua e poder, á vez que se pasa de longo polo feito contrastado de que a represión lingüística é un dos variados e moi eficaces recursos para o control social e para a desigualdade entre seres humanos, usados nesta e noutras terras desde hai séculos polo sistema capitalista que se di deostar.
—————