Foro galego de testemuña cívica


PARVA INTELLIGENTIA, MALITIA MAGNA

08-04-2014 20:19

Cada vez mais, en grande parte das democracias, os partidos políticos basean o seu éxito en gobernar con estratexias a curto prazo e fiar na mercadotecnia electoral. Así é que as estrataexias fanse para gañar eleccións, non para perdelas.

O goberno comportase como as galiñas, o que fai co bico desfaino cos pés. Impón políticas antisociais, antidemocráticas, de descalabro das clases medias e baixas, de rapiña do poder político e económinco, de pensamento uniforme e control social, mentres predica cun discurso grandilocuente unha realidade virtual de grandes logros e melloras. A mercadotecnia fai milagres pero non é Lourdes. Con esta estratexia non parece posible ter uns bos resultados electorais.

Pero, ao mesmo tempo, actúan cunha desfachatez, unha soberbia e unha prepotencia que te fai pensar que ou se volveron tolos ou teñen creido que ou ben van perdurar no poder ou no peor dos casos, que gobernen outros, non vai ser posible recuperar o terreo perdido nos dereitos sociais e democráticos.

Ser caradura non implica forzosamente estar tolo. Polo tanto, tén que ser a segunda opción.

Pensar que non lle importa perdelas elección somente pode levar a unha conclusión, que quen herde o goberno non vai introducir cambios significativos no que de verdade lle importa, a mantenza dos privilexios de determinadas élites políticas e económicas.

Guillermo Cortázar, que foi secretario nacional de Formación do PP entre 1990 y 2001, nun artigo recente en El Mundo di que ultimamente o PP é mais tributario de Fernandez de la Mora que de Fraga. Cortázar, como exmilitante, debe saber do que fala e dispón de autonomia para expresarse.

Fernández de la Mora, que chegou a ser tamén ministro de Franco, opinaba de este xeito: «Creo que los pueblos no han gobernado nunca y no gobernarán jamás. Sólo hay una forma institucional, la oligarquía renovada por cooptación. Lo que en la edad contemporánea se denomina democracia es aquel sistema en que dos o más oligarquías aspirantes recurren -cada tres o más años- a una votación censitaria o relativamente universal para que, entre manipulaciones publicitarias, se resuelva quién va a detentar el  poder»

Pensando así, perder o poder temporalmente, non é nengun desastre sempre e cando sigan a gobernar as oligarquias. E se o PP é devoto das teses de Fernandez de la Mora que, como mínimo, precisan de dous actores, é por que conta con parella de baile para intercambiarse o poder, os adoradores da cofradia das portas xiratorias.

Nese mesmo artigo, Cortázar, fala do arriolismo. Arriola é o asesor de estratexias do PP, herdado dos tempos de Aznar. Según Cortázar, este asesor, mais ben é un vendedor de fume que, mais que elaborar estratexias para o triunfo do PP, elabora estratexias para o seu triunfo persoal. A sua picardía consiste en venderlle ao seu cliente, éxitos a longo prazo. Así, de este xeito, se as cousas saen ben repite contrato e se saen mal, alomenos garantizase un período prolongado de ingresos. Para ir tirando, no curto prazo, tranquiliza ao cliente dicindolle que os posibles reveses nas europeas ou incluso municipais, se se producen, son temporais, que o voto acabará volvendo gracias ás suas estratexias. Este “asesor calmante·, como di Cortázar, está a dibuxarlle un electorado parvo e cautivo a Rajoy.

Esta pode ser outra razón para que os populares actúen con ese grao de irresponsabilidade e descaro.

Temos ahí, á volta da esquina, o primeiro test que pode acalarar se o electorado sofre de candidez supina ou se o arriolismo do PP peca de estupidez supina.

Eu ainda creo na sensatez do electorado, cando menos dunha grande parte, suficiente como para que que a democracia deixe de ser cousa de oligarquías, que se convirtan en obsoletas esas teorías de que os pobos non gobernaron nunca nin o farán xamais ou que os votantes son parvos.

—————

Voltar