Foro galego de testemuña cívica


O GALEGUISMO ANTE O PROCESO DE RECONFIGURACIÓN DO ESTADO ESPAÑOL

09-04-2014 22:52

É un feito que se abre unha nova etapa na organización territorial do Estado Español. Cando o nacionalismo catalán busca organizar un referendo para unha eventual sucesión, o Partido Socialista propón unha reforma constitucional para converter España nun Estado Federal e o mesmísimo presidente Mariano Rajoy empraza a abrir o proceso de reforma constitucional aos interesados, é claro que se asume a necesidade de reformular o actual modelo de descentralización territorial, chamado “das Autonomías”.

O balance do modelo autonómico, con todas as eivas que tivo, sobre todo no tocante ao finanzamento, é positivo: achegáronse os servizos sociais básicos aos cidadáns e as administracións autonómicas fixeron un traballo de promoción dos sinais de identidade respectivos, en definitiva, creouse unha conciencia de pertenza a un territorio que non existía en moitos casos no Réxime anterior. Polo tanto, o proceso que se vai abrir non hai que tómalo como unha traxedia, senón como unha oportunidade para mellorar as condicións de vida dos cidadáns.

O certo é que a Galicia este proceso a colle co pé cambiado. O nacionalismo parlamentario (BNG, Anova) abandonou a vía “institucional” e aposta cada vez máis por plantexamentos rupturistas  que o afastan da inmensa maioría da poboación galega. Nun país onde aqueles que se declaran galegos antes que españois ronda o 30% no mellor dos casos e onde a porcentaxe de independentistas non chega ao 5% da poboación, apostar pola soberanía como eslogan é un erro de proporcións catastróficas que o único que vai provocar é que os grupos que o promocionan sigan na marxinalidade. O problema está, pois, en que o perfil propio que o galeguismo parlamentario ten de cara a este proceso pouco ou nada ten a ver coa vontade maioritaria do país.

O galeguismo, ao meu entender, ten que achegarse a este proceso expectante e xogando moi ben as limitadas cartas que ten para que Galicia non quede detrás das outras nacións que configuran o Estado Español. É evidente que non imos ser punta de lanza, dado que o partido que ostenta a Xunta de Galicia é un partido de ámbito estatal, pero si podemos ir a rebufo das tendencias que se marquen no seu momento. En primeiro lugar, o galeguismo ten que evitar a súa identificación co proceso soberanista aberto en Catalunya, pois a nosa aspiración ten que ser, sen máis, o aumento do autogoberno de Galicia; o nome que se lle dea ao instrumento que o acade, Estatuto de Autonomía ou Constitución Federal, é secundario; ademáis, non hai por qué facer seguidismo acrítico das políticas dunha coalición (CIU) que cuestiona abertamente os investimentos para que chegue o AVE a Galicia. En segundo lugar, só cando se abra o proceso de negociación co acordo do partido que goberne en Madrid (paso imprescindible para que o proceso chegue a algo) o galeguismo ten que xogar a carta do carácter nacional e diferenciado de Galicia, e a aposta por non quedar atrás en autogoberno; nese momento si se poderá defender a nosa postura. Trátase, en definitiva, de que o galeguismo faga un traballo máis de lobby que de partido político, sen perxuízo de que os partidos políticos adopten as súas posturas.

O ideal sería que Galicia fose punta de lanza deste proceso, pero agora mesmo a sociedade galega non está madura para encabezalo, e só por reacción é quen de reclamar os seus dereitos colectivos. O obxectivo do galeguismo é cambiar a longo prazo esta realidade, pero só dende o seu recoñecemento podemos facer unha laboura realista e útil para o país.

Francisco Acisclo

—————

Voltar