Foro galego de testemuña cívica


DA IMPORTANCIA ELECTORAL Á IMPORTANCIA SOCIAL

22-03-2014 11:34

Un dos principais problemas dos que adoece o galeguismo dende a Transición é o seu fracaso á hora de consolidar unha forza propia cun discurso mainstream, quen de acadar un apoio masivo e, polo tanto, de aspirar a dirixir as institucións autonómicas. Podemos dicir, sen medo a parecer esaxerados, que este é un fracaso histórico.

Alguén poderá obxectar ante esta afirmación que o Bloque Nacionalista Galego si acadou un apoio masivo e si acadou posicións de goberno, mais precisamente o BNG é o exemplo do contrario: unha forza que nunca superou o teito electoral histórico do nacionalismo galego (25%) mesmo cando carecía de competencia relevante e que só acadou posicións de goberno secundarias grazas a unha combinación conxuntural nun intre en que xa estaba en clara posición de declive electoral. As posicións do BNG sempre foron abertamente resistencialistas e os intentos de parecer unha forza sistémica nunca foron tomados como cribles por parte do electorado non votante e foron considerados unha traizón polos seus votantes tradicionais, colocados nunha posición non sistémica. Pero quizais o máis importante foi que esta situación de partido resistencialista foi aproveitada polo establishment político e mediático para perpetuar o statu quo de dominio das institucións por parte da forza sistémica de dereita española, pois engordar o conflito entre o BNG e o Partido Popular permitía engordar ambas forzas, movilizando os respectivos electorados e marxinando a alternativa socialdemócrata que representaba o Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE. Isto aseguraba unha importancia mediática e electoral moi superior a que lle correspondía por presenza social ao BNG e a repetición de sucesivas maiorías absolutas ao PP durante a etapa de Fraga, situación que está reproducindo Alberto Núñez Feijóo en esta ocasión con Alternativa Galega de Esquerda.

Destas situacións pode deducirse que o nacionalismo galego ten moi difícil aspirar a dirixir a Xunta de Galicia coas actuais plataformas, e que só cun discurso mainstream podemos mudar a actual situación, só situando unha forza na centralidade política podemos acadar esa meta. Agora mesmo hai dúas vías alternativas a construír: unha na socialdemocracia e outra no centro político. É desexable para Galicia que se consoliden as dúas alternativas, pero é vital que nun determinado momento se poida consolidar a de centro político pola capacidade que tería de ocupar a centralidade política que permitiría obter votos tanto das principais forzas a esquerda (PSdG-PSOE) e dereita (PP) do panorama político como da principal forza do nacionalismo galego (BNG). Esa forza tería puntos de contacto cos principais partidos do arco parlamentario galego, sería unha forza de diálogo e consenso e facilitaría que o galeguismo político pasase de ser unha actitude de pertenza a un clube a ser unha idea que se impregne e empape o conxunto da sociedade.

A consolidación desa forza nacionalista de centro ten que ser un proxecto a medio prazo para o galeguismo e do seu éxito dependerá que este acade espazos de presenza social que hoxe ten pechados.

Francisco Acisclo

—————

Voltar