Foro galego de testemuña cívica


LUDOPATIA Auténtico problema social

01-04-2014 15:10

A ludopatía é unha enfermidade, recoñecida como tal pola OMS dende hai uns 10 anos. A sociedade, se cadra por falla de información, segue considerando a ludopatía un vicio que o xogador pode abandonar cando o desexe.

Na Wikipedia faise unha descrición moi acertada desta enfermidade:

A ludopatía consiste nun trastorno no que a persoa se ve obrigada, por unha urxencia psicolóxica incontrolable, a xogar, de maneira persistente e progresiva. Aínda que en anteriores edicións do manual de diagnóstico DSM tiña sido clasificado como un trastorno de control dos impulsos, ten sido conceptualizado e tratado como unha adición sen sustancia, até que no DSM-V ten sido incluído finalmente dentro da categoría de “Trastornos relacionados con sustancias e trastornos aditivos “. A ludopatía caracterízase fundamentalmente porque existe unha dificultade para controlar os impulsos, e que en certo sentido tende a manifestarse en practicar, de xeito compulsivo, un ou máis xogos de azar. Pode afectar a vida diaria da persoa que se ve afectada por esta adición, de tal maneira que a familia, a alimentación ou mesmo o sexo pasan a ser algo totalmente secundario. Por todo isto, non se debe confundir a ludopatía cun vicio, xa que nestes casos nos atopamos ante unha grave enfermidade crónica, unha adición.

De acordo co “Illinois Institute for Addiction Recovery” , as últimas evidencias indicant que o xogo patolóxico é unha adición similar ás químicas. Tense comprobado que algúns xogadores patolóxicos teñen niveis menores de norepinefrina que os xogadores normais.

De acordo cun estudo dirixido por Alec Roy, M.D., antigo membro do “National Institue on Alcohol Abuse and Alcoholism” , a norepinefrina secreta en condicións de estrés ou ameaza, de xeito que os xogadores patolóxicos xogan para elevar os seus niveis.

Abundando nisto, de acordo cun informe da “Harvard Medical School Division on Addictions” fíxose un experimento en que aos suxeitos se lles presentaban situacións nas que podían gañar ou perder no entorno que simulaba un casino. As reaccións dos suxeitos medíanse utilizando RMNf, unha técnica de neuroimaxe moi similar á Resoancia magnética nuclear. E de acordo co doutor Hans Breiter, codirector do “Centro de neurociencia da motivación e a emoción do Hospital Xeral de Massachusetts”, as recompensas “en metálico nun ambiente que reproduce un ambiente de xogo producen unha activación cerebral moi similar a que se observa nun adito á cocaína recibindo unha dose”.

Toda adición que comporta efectos perniciosos sobre os afectados e/ou sobre terceiros, convertese nun problema social e polo tanto, a sociedade, por razón de solidariedade e para non se ver perturbada por ese problema, debe habilitar medios para recuperar os individuos afectados, a unha vida normal.

Quizais por esa falla de concienciación social, a administración non ten previsto ningún medio para a atención destes pacientes cuxa enfermidade non está nin contemplada dentro das atencións da seguridade social.

E por iso que partes da sociedade, moi concienciadas co problema, decidiron dar un paso á frente e tratar, no posible, de cubrir as carencias da administración. Para que se comprenda o nivel deste problema, dicir que a poboación afectada por problemas relacionados co xogo está en torno a un 20% da poboación española.

Son monitora dunha organización de tratamento de aditos ao xogo chamada Fundación AGAJA, con domicilio en Vigo pero funcionando no ámbito galego. Somos, polo de agora, a única asociación galega para estes tratamentos. Estamos federados con outras asociacións do Estado Español nunha agrupación denominada FEJAR.

Coas nosas terapias, teño tratado a centos de persoas e iso me ten feito acumular unha longa experiencia pola cal poido dar fé de en qué estado de denigración chegan ás nosas mans as persoas que veñen buscando a nosa axuda.

Unha gran parte dos ludópatas, ou o seu entorno, descoñecen absolutamente a onde poden ir pedir auxilio.

Dos que recibimos, a maioría ven forzada polo seu entorno, sobre todo o familiar, pensando máis en darlles unha satisfacción. Algúns que veñen pola súa conta, por desgraza, abandonan ao día seguinte.

Á fin, os que se someten a unha terapia continuada, que en cifras aproximadas son uns 5000 en toda España, acadamos un éxito completo de recuperación total do 60%. Un 10% acaba abandonando a terapia e ao redor dun 30% volve recaer. Destes últimos, sobre un 20% regresan para repetir o tratamento.

Das nosas conversas cos tratados, configúrase unha paisaxe e un retrato dos comportamentos dos ludópatas dentro do seu ambiente, con anterioridade ao tratamento.

A diferenza doutras adicións, os efectos colaterais sobre o seu entorno son dunha repercusión tremenda, especialmente no aspecto económico. Os efectos sobre si mesmos poden afectar de tal xeito na vida diaria que a familia, a alimentación ou mesmo o sexo pasan a ser algo totalmente secundario. Mesmo chegan a un extremo de gravidade tal que, nalgúns casos, realizan intentos de suicidio froito da sensación de sentirse degradados, de que non atopan o camiño para a súa rehabilitación e da súa incapacidade para entender que sofren unha enfermidade.

Normalmente pedímoslles que fagan un cálculo aproximado da cantidade total que teñen investido no xogo e aparecen cantidades que van dende os seis mil até os 360 mil. Tendo en conta que soen ser persoas de clase media ou máis ben baixa son sumas moi importantes para a súa economía.

Tamén acaban confesando que son mentireiros compulsivos, tramposos, timadores e ladróns, chegan a pedir diñeiro na rúa como esmoleiros, todo iso como medio para conseguir o diñeiro necesario para seguir xogando, para eludir a súa responsabilidade ante os demais e a vergonza de sentírense ludópatas e así evitar o isolamento familiar e social por unha adición moi mal vista pola sociedade en xeral.

As consecuencias, no económico, chegan a adquirir tintes dramáticos tais que as súas familias chegan a pasar auténticas penurias ao punto de non poderen atender as súas necesidades mínimas como a comida, recibos de suministros, roupa…

Din que a necesidade agudiza o inxenio, e estas persoas acaban por espremer o mellor do seu inxenio para obter diñeiro sen seren verdadeiramente conscientes das consecuencias reais dos problemas que pode acarrear a súa conduta.

Nun caso real, dos que puiden tratar, un ludópata conseguiu un crédito bancario hipotecando a súa vivenda, falsificando a sinatura da súa muller. Tratámolo con éxito, é unha persoa recuperada, consciente do dano causado e arrependido da súa conduta.

A terapia dun paciente consiste, básicamente, en tres fases de seis meses cada unha para un total de 18 meses:

Na primeira fase impóñenselles unhas regras que teñen que cumprir estritamente. Queda prohibido mentir, obrígaselles a cambiaren as súas rutinas, contrólaselles o diñeiro diariamente (só dispoñen de entre 3  e 5 euros, en convenio coa súa familia, teñen que presentar tickets de gasto e devolver o non gastado).

A segunda fase consiste en relataren os seus problemas, tanto familiares como sociais, mantendo os controis da primeira fase.

A terceira fase consiste en devolvelos á sociedade, darlles maior autonomía na toma de decisións persoais e controlando que si son donos dos seus impulsos e comprobando que as súas rutinas de tempo libre teñen cambiado radicalmente.

Toda esta laboura corre a cargo da nosa asociación coa colaboración de 14 Monitores de Autoaxuda, 3 Psicólogos e 1 Director Terapéutico. Contamos con local para a atención ao público e a realización de terapias. Non recibimos ningún tipo de axuda, nin de medios nin económica.

Todo isto é posible grazas ao altruismo dos colaboradores, chegando mesmo a montar mercadiños solidarios, unha pequena aportación dos pacientes e das persoas solidarias.

É lamentable que un problema social deste calibre estea totalmente desatendido pola administración. A sociedade debe concienciarse de que ninguén está libre de sofrelo nas súas propias carnes e empurrar os representantes políticos a unha maior concienciación e atención a este problema pondo os medios necesarios e colaborando coas ONG´s que, polo de agora, se preocupan de suplir as súas carencias.

Trinidad Docampo Alonso

Monitora de Axuda

—————

Voltar